Un erro da Federación ao comprar o billete demora a saída de David Cal cara a Brasil
Por Ramiro Espiño
David Cal marcha a Brasil, pero a súa saída deberá atrasarse aínda uns cantos días. O máximo medallista olímpico español, que tiña previsto emprender viaxe o sábado, día 11, terá que esperar a que a Federación corrixa o erro sufrido co seu billete de avión, que o organismo sacou con destino a Río de Janeiro en lugar de Sao Paulo, que é o lugar no que se reunirá co seu adestrador, Suso Morlán, e co equipo olímpico brasileiro co que comezará a súa preparación neste ciclo olímpico.
Antes da partida, e tendo en conta que o padexeiro pensaba emprender viaxe de inmediato, nun sinxelo acto que tivo como escenario o Salón de Actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, en Campolongo, organizouse unha despedida á que asistiron o Director Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, e os seus principais patrocinadores, Nava Castro, como Directora da Axencia de Turismo de Galicia, ente público que se incorpora ás entidades que brindan apoio ao deportista, ademais de representantes da firma de roupa que viste a David, Amura, e de Augas de Mondariz.
Lete Lasa remarcou o feito de que para David Cal é unha grande oportunidade para conseguir unha sexta medalla nos xogos de Río-2016, e para Galicia o feito de telo como embaixador nun país emerxente como o brasileiro.
Pola súa banda David Cal comentou que: "Hai xa dous meses que se foi Suso para que todo estivese a punto. A miña marcha atrasouse un pouco porque dende o sitio previsto de aloxamento ata a pista de adestramento había como unha media hora en coche, polo que houbo que buscar algo máis cómodo, que non nos fixese perder tanto tempo. Ao final xa está todo arranxado e quedarei nas instalacións dunha Universidade de Sao Paulo, que está moito máis preto,".
En canto aos seus obxectivos deportivos máis próximos, David anunciou a súa intención de renunciar ao próximo Campionato de Europa, pero tamén o seu desexo de intentar chegar en boas condicións ao Mundial que se disputará a finais de agosto: "Tiven unha lumbalxia nas costas que me atrasou moito, e para o europeo non vou chegar, que está moi preto. Intentarei superar o control que me permita competir no Mundial".