O Trofeo Virxe do Carme de ciclismo será campionato galego cadete, junior e feminino
Por Redacción
Regresa a Marín unha das probas ciclistas máis veteranas do calendario galego, o Trofeo Virxe do Carme. O municipio acollerá este sábado 14 de xullo a edición número 36 da carreira organizada polo Club Ciclista Marín.
Ao acto de presentación acompañaron ao concelleiro de Deportes, Antonio Traba, os presidentes da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o do club ciclista, Juan Carlos Ruibal.
A proba celebrarase a partir das 14:30 horas e a desta edición será, ademais, campionato de Galicia na estrada 2018.
Ás 14.30 será a quenda dos júnior, que cubrirán 71,2 quilómetros con un trazado escarpado con cinco portos; tres pasos polo Alto do Castro e unha subida ao Alto do Pituco e unha ao da Porteliña no tramo final de carreira.
Os cadetes correrán a partir das 16.45 horas cun trazado similar, coa excepción da ascensión a O Pituco. Serán tres pasos polo Alto do Castro e o ascenso final da Porteliña, cubrindo 51,5 quilómetros.
As mulleres pecharán o programa de competición desde as 18.30 horas e con 45,3 quilómetros de carreira. Elas subirán O Castro en dúas ocasións e A Porteliña nunha.
A saída e a meta concentraranse na entrada do aparcadoiro da Praza de España.