Irene Trabazo triunfa nun espectacular Trofeo Virxe do Carme de ciclismo
Por Redacción & Diego Torrado
A emoción do mellor ciclismo regresou, un ano máis, ás rúas de Marín cunha nova edición do Trofeo Virxe do Carme. E ademais, para xúbilo dos marinenses, viron como unha das súas veciñas subía ao máis alto do podio.
Irene Trabazo, integrante do Club Ciclista Marín -organizador da proba- impúxose na categoría sub23 feminina. Impúxose ao sprint a Inés Castaño (Club Ciclista Compostelano), tras completar 45,3 quilómetros de carreira.
A edición número 36 da carreira, ademais, era campionato de Galicia na estrada, polo que Trabazo é a nova campioa galega sub23.
Na categoría absoluta, o triunfo foi para María Jesús Barros (Spol); mentres que entre as junior, a gañadora foi Carla Fernández (Río Miera); e a cadete Noela Saa (Academia Postal) é a nova campioa galega da súa categoría.
Pola súa banda, Miguel Ángel Mera ( MMR- Academy) na proba cadete e o junior César Pico (Fundación Óscar Pereiro) impuxéronse nas súas respectivas categorías masculinas.
A espectacularidade da carreira volveu a estar nos altos que, en diferente número de veces segundo a proba, tiveron que subir os participantes: o Alto do Castro, o Alto do Pituco e A Porteliña.