A composición de grupos de Segunda B ou a lea de cada tempada
Por Ramiro Espiño
Finalizados os play-off de ascenso a Segunda e Segunda B e coñecidos os 80 equipos que disputarán a próxima liga 2018/2019, a expensas dalgunha novidade en caso de incumprimento económico dalgún dos clubs, comezan as tradicionais "quinielas", non exentas de polémica, para a composición dos catro grupos da categoría.
É, nin máis nin menos, que a habitual "lea" de cada ano, que sempre deixa feridas ou equipos insatisfeitos, tantos por cuestións deportivas, ao considerar máis forte un grupo que outro, como sobre todo económicas, pola quilometraxe para percorrer na tempada.
Será unha repartición que ha de pasar dous filtros, o primeiro a proposta da comisión da categoría, e logo o seguinte da asemblea xeral da Real Federación Española de Fútbol, na segunda quincena de xullo, que xeralmente adoita aceptar dita proposta, elevándoa a definitiva.
Mentres tanto, todos tentarán gañar aliados ás numerosas propostas que cada un tratará de facer valer segundo a súa conveniencia. Aínda que a principal premisa foi sempre a de non separar a equipos dunha mesma comunidade, esta condición con frecuencia ten excepcións, o que fai que as quinielas se multipliquen.
Manter unha distribución similar territorialmente á da tempada pasada antóllase complicado, aínda que non imposible. A lóxica apunta a que o grupo I, no que estará o Pontevedra co resto de equipos galegos, debería completarse co resto de equipos do norte de España, é dicir: asturianos (3), cántabros (2) e vascos (10), aínda que esta distribución moi posiblemente atope a oposición frontal dos conxuntos vascos, que xa hai dúas tempadas mostraron o seu desacordo polos longos desprazamentos a Galicia.
Na mesma liña de oposición que os vascos están os equipos navarros, especialmente o Izarra, que por tradición adoita ser cada ano o primeiro en apuntar unha proposta que pensa no seu exclusivo beneficio, antes que no encaixe do resto de grupos, pero que conta con non demasiada forza ao estar esta tempada acompañado unicamente polo Tudelano na categoría. Os navarros expoñen un grupo I no que estarían galegos (5), madrileños (7), un castelán-manchego (Talavera) e sete castelán-leoneses (deixando fora o Mirandés, ao que pasarían ao grupo II).
A outra opción máis factible, se a comisión decide manter a distribución xeográfica da campaña anterior, daría un grupo I verdadeiramente temible no deportivo, no que o Pontevedra e os galegos terían como rivais a madrileños (7) e castelán-leoneses (8), con adversarios co claro obxectivo do ascenso, como Celta B, Cultural Leonesa, Ponferradina, Mirandés, Fuenlabrada e Real Madrid Castilla, entre outros posibles "tapados".
Claro que esta opción complicaría moito a formación dos tres grupos restantes, pero o certo é que a lea non fixo máis que comezar, así como a procura de alianzas para conseguir os máximos apoios posibles a cada proposta.
LISTA DE EQUIPOS
Estes son os equipos que xogarán a próxima tempada en Segunda B:
Galicia (5): Pontevedra, Celta B, Coruxo, Deportivo Fabril e Rápido de Bouzas.
Asturias (3): Sporting B, Oviedo B e Langreo.
Cantabria (2): Racing Santander e Gimnástica Torrelavega.
Euskadi (10): Leioa, Bilbao Athletic, Arenas, Barakaldo, Real Sociedad B, Gernika, Amorebieta, Real Unión de Irún, Durango e Vitoria.
Navarra (2): Izarra e Tudelano.
La Rioja (2): UD Logroñés e Calahorra.
Castilla León (8): Cultural Leonesa, Burgos, Guijuelo, Ponferradina, Valladolid B, Mirandés, Unionistas e Salmantino.
Madrid (7): Fuenlabrada, Real Madrid Castilla, San Sebastián de los Reyes, Navalcarnero, Unión Adarve, Atlético Madrid B e Internacional.
Castilla La Mancha (2): Conquense e Talavera.
Cataluña (8): Sabadell, Badalona, Perelada, Cornellá, Barcelona B. Enpanyol B, Lleida e Olot.
Aragón (3): Ebro, Teruel e Ejea.
Comunidad Valenciana (7): Alcoyano, Hércules, Valencia Mestalla, Vilarreal B, Ontinyent, Castellón e Atlético Levante.
Murcia (5): Real Murcia, UCAM Murcia, Cartagena, Jumilla e Lorca.
Andalucía (10): Marbella, Granada B, Recreativo, Sevilla Atl., Ejido, San Fernando, Atlético Malagueño, Sanluqueño, Almería B e Betis B.
Extremadura (3): Villanovense, Don Benito e Badajoz.
Melilla (1): Melilla.
Baleares (1): Atlético Baleares.
Canarias (1): Las Palmas Atlético.