Abre o prazo de inscrición para o IV Campus Tecnificación Balonmano Pontevedra
Por Redacción
As instalacións de Príncipe Felipe serán escenario entre o 23 e o 29 de xuño do IV Campus Tecnificación Balonmano Pontevedra, impulsado pola Asociación Propóntelo e dirixido a mozos entre 9 e 17 anos.
Os asistentes ao campus realizarán diversas actividades como sesións de adestramento, saídas de balonmán-praia, sendeirismo, natación ou xogos deportivos, así como análise e sesións de vídeos e partidos.
Diversos profesionais do balonmán nacional estarán presentes nas xornadas como o adestrador do Naturhouse La Rioja, Jota González, o técnico galego Quique Domínguez, a medallista olímpica Begoña Fernández ou a recente fichaxe do Atlético de Madrid, Pedro Rodríguez.
Outras figuras deste deporte como Gurutz Aguinagalde, Joseja Hombrados, Julen Aguinagalde ou a porteira internacional Cristina González, confirmaron a súa colaboración con diverso material para o sorteo entre os participantes.
Todos os interesados en participar no campus, que nesta ocasión estará baixo a dirección de Pablo Domínguez e Pablo Alemany, poden informarse na páxina www.asociacionpropontelo.blogspot.com.es ou a través do teléfono 620 746 775.