O CW Galaico Pontevedra viaxa a Portugalete en busca do ascenso a segunda división
Por Redacción
O equipo absoluto masculino do Club Wáterpolo Galaico Pontevedra desprázase ata Portugalete para participar no Campionato de España de Wáterpolo de Terceira División que se disputa dende o venres, día 3, ata o domingo, 5 de maio, coa participación de sete equipos que pelexarán por unha praza de ascenso a Segundo Nacional.
Os pontevedreses participan na fase do grupo norte, xunto con equipos vascos, cántabros e madrileños. Hai outras dúas fases (Málaga e Granollers) das que sairán os outros dous equipos que completarán as prazas de ascenso.
Xunto co CW Galaico Pontevedra viaxará o CW Santiago, ambos os dous clasificados para este Campionato como finalistas da Liga Galega de Wáterpolo de 1ª División.
O campionato dispútase dividido en dous grupos, un de 3 equipos integrado polo CN Tres Cantos "B", CDN Bidasoa XXI e CN Santoña, e outro de 4, no que están o CN Catro Camiños, Deportiva Náutica Portugalete, CW Santiago e CW Galaico Pontevedra. En ambos os dous grupos xogarase formato liga entre o venres e o sábado. O domingo disputaranse as semifinais entre primeiro e segundo de cada grupo e postos do 5º ao 7º entre os terceiros e cuarto de grupo, ademais da gran final, prevista para as sete da tarde.
Os pontevedreses, que participan neste campionato por terceiro ano consecutivo, mediranse ao CN Catro Caminos madrileño o venres ás 19:00 h, aos anfitrions da Náutica Portugalete o sábado pola mañá (12:00 h), e ao CW Santiago o sábado pola tarde (18:30 h). En función dos resultados decidiranse os partidos do domingo.
O equipo pontevedrés despraza 13 xogadores, acompañados polo seu técnico Javi de Sáa: Pablo Seoane, Roberto Acuña, Luis Rodríguez, Rubén Martínez, Miguel Pérez, Juanjo Vázquez, Ángel Villafranca, Andrés Villaverde, Raúl Touriño, Iago Carabelos, Bran Touriño, Juan Rodríguez e Manu Vidal. Un equipo competitivo, no que só haberá un debutante, o xuvenil Luis Rodríguez, aínda que se botarán en falta as baixas importantes de Pablo Rodríguez, Kike García e Guillermo Atienza.
Os principais favoritos para loitar polo ascenso son os dous madrileños (CN Catro Camiños e CN Tres Cantos "B", que conta con varios xogadores do equipo de Primeira Nacional), ademais do anfitrión Náutica Portugalete, con varios ex-xogadores de Primeira Nacional. Fronte a eles o equipo pontevedrés intentará mellorar a súa clasificación de edicións anteriores.