Enmacosa Monte Porreiro vence o Club del Mar de A Coruña (1-5) e logra a permanencia na División de Honra de Tenis de Mesa
Por Redacción
Aposta arriscada pola canteira que leva a unha dura tempada, pero ao final o traballo ben feito deu os seus froitos e o Enmacosa Monte Porreiro logrou a permanencia na División de Honra de Tenis de Mesa. Demasiada mala sorte todo o ano, demasiadas derrotas pola mínima despois dunha primeira volta espectacular, que encontraron a recompensa no último partido de liga disputado na Coruña.
Coa obriga de xogalo todo a unha carta, o equipo demostrou que non merecía sufrir tanto e venceu contundentemente o Club do Mar da Coruña por 1-5. Daniel Conic impúxose no primeiro enfrontamento do partido ao xogador chinés Zhao Qiang, nun encontro perfecto do serbio do Enmacosa. Dende o 1 de decembro de 2012, Dani soamente perdeu dous encontros, máis, non se pode pedir.
Pola súa banda os dous canteranos pecharon a tempada ao grande. Santi Prieto deulle un punto tranquilizador aos pontevedreses ante Hugo Iglesias, ao que venceu 3-0 para poñer 0-2 no marcador xeral, e Nacho Fernández deu dous puntos ao seu equipo vencendo César Pérez e o propio Hugo Iglesias por 3-0, deixando a súa tempada particular cun 50% de vitorias, unha barbaridade.
Tras a vitoria, e coa tremenda alegría, os pontevedreses deixaron o local de xogo para dirixirse correndo á próxima Praia de San Amaro, onde a pesar do frío non dubidaron en meterse nas augas coruñesas para celebrar unha gran vitoria que valía unha permanencia despois dunha tempada dura, intensa e moi sufrida.