Guillermo Fernández: "Temos sete puntos de vantaxe co descenso, eso é o importante"
Por Diego Espiño
A situación rocambolesca do Villalonga este verán terminou coa chegada José Miniño á presidencia e de Guillermo Fernández Romo ao banquiño de San Pedro. Unha débeda de 28.000 euros con nove xogadores da pasada tempada a punto estivo de mandar á entidade á Rexional Preferente, pero agora, logo de reducir o orzamento, cunha preparación estival curta e dificultades na confección do plantel, o equipo sorprendeu a propios e estraños situándose en postos de play-off de ascenso.
O ex adestrador das canteiras de Pontevedra e Celta é a cabeza visible do novo proxecto.
Con todas as dificultades para formar o equipo e facer a pretempada estades cuartos, esperábalo?
Non esperaba a estas alturas estar arriba pero si facelo ben. Logo das dificultades de empezar de cero con só catro semanas as expectativas eran competir dende o primeiro día e, nese senso, con traballo e tamén cun pouco de factor sorte vémonos nun lugar privilexiado, pero sobre todo en canto a puntos. Temos unha diferenza de sete sobre o descenso, que é o que nos importa.
ÿ obrigado falar só de permanencia?
O Villalonga leva as últimas tempadas sempre intentando manter a categoría con orzamentos máis altos, así que imaxínate este ano.
"A competición colocaranos onde merecemos, xa veremos onde é ese lugar"
O equipo estase mostrando moi sólido, encaixando poucos goles
Os xogadores teñen que estar ledos porque están conseguindo estar á altura das esixencias da categoría. Os dous partidos que perdemos foron en campos moi difíciles e onde non gañou ninguén aínda como San Lázaro ou Ferrol. Esas derrotas entran dentro do normal. Ao final hai que aceptar que nun momento dado a competición colocaranos onde merecemos, xa veremos onde é ese lugar.
O próximo rival é o filial do Deportivo na Coruña, como ves o partido?
Os filiais son sempre complicados, hai que darlles tempo porque hai xogadores que veñen aínda de xuvenís. Teñen unha proposta ofensiva de bo trato de balón, con ganas de facer as cousas ben e nesta competición a maioría defendémonos con outro tipo de armas e como podemos. Estes equipos sofren un pouco máis ao principio pero estarán arriba seguro e nolo poñerán moi difícil.
Son xa oito xornadas, como analizas esta Terceira División?
Esta claro que o Ferrol é un líder moi sólido e vai gañar a liga sen ningún tipo de problema. Despois haberá sete ou oito equipos que pelexarán polos tres postos restantes de play-off e outros sete ou oito que loitarán por evitar o descenso.
Como é a relación coa nova directiva?
A relación desde o primeiro día foi moi boa. Explicáronme o seu proxecto, que o único obxectivo era a viabilidade do clube esta campaña asumindo a débeda do pasado ano e por agora só podemos estarlles agradecidos porque todo o que pedimos déronnolo, estamos ao día, é un momento ideal e esperemos que siga así porque é fundamental para que no deportivo vaia ben.
Logo de pasar por Noja e Melilla, alí como segundo adestrador, estás contento de volver a Galicia?
Estou moi contento de volver á que considero agora a miña casa. Nese senso non me vai a cambiar a satisfacción nin por quedar sétimo nin o catorce sempre que cumpramos o obxectivo polo que me contrataron que é a salvación.
Como se está comportando o plantel no día a día?
Todos os veteráns que temos agora mesmo teñen máis ilusión case que os mozos, é algo brutal, Roberto Pazos, Leo, Miguel, Machu, Saúlé unha alegría velos traballar pola semana porque son un exemplo para todos sabendo coas reducións económicas que asinaron, foi un compromiso máis emocional que outra cousa co club, estamos moi contentos co seu rendemento e co que están aportando.