A Copa, costa arriba para o Teucro tras caer nun polémico final ante o Guadalajara (27-29)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Toca remontada para estar na final a 8 da Copa do Rei. A Sociedad Deportiva Teucro protagonizou este mércores no Municipal un auténtico exercicio de supervivencia para manter viva a eliminatoria ante o Guadalajara, pero un par de erros en ataque e varias decisións arbitrais polémicas no tramo final do encontro outorga vantaxe ao cadro manchego (27-29).
Non foi un choque sinxelo para os pontevedreses desde o inicio. A pesar de que os tocados Iván Fernández e Juan Quintas (aínda que non xogou) figuraban na convocatoria e volvía ás pistas Balázquez, os azuis iniciaron o partido fríos, con moitas imprecisións en ataque ante un oponente cómodo en tarefas defensivas.
Tardou o Teucro máis de 7 minutos en ver porta, pero seguía sen atopar o seu xogo e Quique Domínguez víase obrigado a parar o tempo (1-5) pasados 10 minutos. Saía Balázquez a cancha e Lloria detiña un penalti para firmar a primeira reacción (4-5), aínda que enseguida os visitantes retomaban a súa máxima distancia (4-8).
Aos poucos os azuis foron entrando en calor de novo e esta vez si parecían dispostos a voltear o marcador (11-12). Foi entón, a falta de algo menos de 4 minutos para o descanso, cando os colexiados excluíron a Dani Hernández por protestar e na seguinte acción a Edu Moledo. Era a cuarta inferioridade teucrista por ningunha do Guadalajara, o que enfadaba aos afeccionados e permitía respirar ao rival, por moito que se minimizasen os danos antes do paso por vestiarios.
Con todo espertaran os de Quique Domínguez e demostrárono ao comezo do segundo acto. Un rápido parcial de 3-0 para os pontevedreses devolvía as táboas ao electrónico (14-14). Faltaban 25 minutos e embezaba un novo partido.
A partir dese momento a igualdade foi máxima. Comezou unha fase de intercambio de golpes, na que o Teucro chegou a gozar de mínimas vantaxes. O cambio por momentos a defensa mixta facía dano ao ataque do Guadalajara, unida á presenza de Santana en portería e a uns inspirados Borja Méndez e Samu Gómez en ataque.
Foron así pasando os minutos ata entrar no ultimo tramo do encontro. Chegaba a el o equipo azul mandando por 23-22 a falta de menos de 9 minutos, momento no que unha exclusión a Iván Fernández ocasionaba un cambio de tendencia (23-24). Foi aí cando se lle escapou o choque aos de Quique Domínguez, cun par de malas decisións en ataque, cunha falta de Moyano e unha perda de balón que aproveitaban os visitantes para encarrilar a vitoria (24-27).
Parecía todo perdido aínda que non está nos xenes teucristas o darse por vencido, e na súa enésima demostración de orgullo reducían a desvantaxe ao mínimo. Por medio os colexiados deixaron pasar unha clara exclusión dun xogador manchego por desprazar o balón e outra posible infracción sobre Samu Gómez ao facer o 27-28. Non perdoaron con todo a Dani Hernández uns segundos despois, permitindo as últimas accións en superioridade para o Guadalajara. Parou Santana en primeira instancia pero no rexeite Javier García facía o definitivo 27-29. Puido aínda Balázquez minimizar danos, atopándose con Hombrados.
Costa arriba ponse a eliminatoria para os da Boa Vila, aínda que permanece aberta e decidirase dentro dunha semana na volta. En xogo, unha praza para a fase final da competición copeira.
SD TEUCRO (27): Lloria, Borja Méndez (8, 2p), Iván Fernández (3), Samu Gómez (5), De Castro, Dani Hernández (2), Ángel Iglesias -siete inicial- Medina (1), Moyano, Balázquez (4), Edu Moledo (3), Gehrhard, Samuel Pereiro (1), Juan Quintas, Héctor Gil.
BM GUADALAJARA (29): Hombrados, Sergio Mellado (2), Víctor Montoya (5, 1p), Agustín (2), Bozalongo, Ignacio Moya (4), Javier García (2) -siete inicial- Parra (3, 2p), Benedito (1), Chema Márquez (3), Alberto Sanz, Víctor Vigo (4), Fuentes (2), Sedano, Sergio Valles (1), Eceolaza.
Árbitros: Álvarez Menéndez e Friera Cavada (Asturias). Excluíron a De Castro (2), Dani Hernández (2), Edu Moledo, Iván Fernández e Balázquez no Teucro e a Bozalongo (2) e Javier García no Guadalajara.
Marcador cada cinco minutos: 0-1, 1-4, 4-6, 6-10, 10-11, 11-14, descanso, 14-14, 17-17, 19-19, 22-21, 24-24, 27-29.
Incidencias: Partido de ida da cuarta eliminatoria da Copa do Rei disputada no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro roza a proeza pero queda eliminado na prórroga ante Guadalajara (33-34)
Por Redacción |
-
O Teucro non renuncia a dar a sopresa copeira en Guadalaxara
Por Diego Espiño |
-
A vontade non lle chega ao Teucro para dobregar a un sólido Huesca (28-31)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Sobremesa de balonmán ante o Huesca para un Teucro que busca "otro saltito" cara á permanencia
Por Diego Espiño |
-
Contra as lesións, ilusión teucrista na Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
O Teucro acusa as baixas e dá vida ao Puerto Sagunto (25-21)
Por Redacción |
-
Badalada do Teucro en Granollers (26-28)
Por Redacción |