A Pontevedra 4 Picos reforzará a proba de carreira a pé en 2018
Por Redacción
Máis de 700 persoas inscribíronse xa para participar na cuarta edición da Pontevedra 4 Picos Bike& Run, que se celebrará na cidade os días 11 e 12 de maio de 2018.
Un ano máis, a proba máis demandada é a distancia dos 4 Picos en categoría individual.
A organización dos 4 Picos destaca que, para a edición de 2018, a gran novidade afectará á carreira a pé. Celebrarase antes da proba de bicicleta de montaña e pasará a denominarse Desafío das Estrelas. Será unha proba de correr durante tres horas nun circuíto próximo á Illa das Esculturas.
Será, ademais, unha proba non stop na que, por un terreo que mestura asfalto e pista de area, os participantes deberán percorrer a maior distancia posible. O circuíto previsto ten unha distancia de 4 quilómetros aproximados. Poderase participar de forma individual ou en equipos de 2 ou 3 participantes, que farán relevos.
Esta carreira será o venres 11 ás 20:30 horas, tendo por diante tres horas para poder percorrer a maior distancia posible baixo as estrelas. Todos os participantes deberán usar focos para ser visibles en todo momento.
A saída da proba de bici de montaña será o sábado 12 ás 9:00 da mañá desde o Recinto Feiral.
As inscricións seguen abertas en www.pontevedra4picos.com.