O Waterpolo Galaico acudirá ao play-off de ascenso a Segunda División grazas a unha axuda da Deputación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O club Waterpolo Galaico Pontevedra poderá participar finalmente na fase de ascenso á Segunda División Masculina. Será a Deputación de Pontevedra a que contribúa a financiar os gastos que suporá a participación do equipo no Campionato de España de Terceira División Masculina, un torneo que se celebrará en Portugalete (Vizcaya) os días 3, 4 e 5 de maio.
En concreto, a institución provincial financiará o desprazamento en autobús do equipo para que poidan participar neste campionato nacional, que é de facto a fase de ascenso á Segunda División Masculina. Os pontevedreses acoden a el por terceira vez consecutiva co obxectivo de facer un bo papel e situarse entre os primeiros, así como para adquirir experiencia de cara ao futuro e poder loitar polo ascenso a medio prazo.
Os clubs galegos, o Waterpolo Galaico Pontevedra e o Natación Santiago, precisamente os dous que loitarán desde este sábado polo título da Liga galega, xogarán inicialmente contra os equipos vascos de Portugalete e Bidasoa, o cántabro de Santoña e dous equipos madrileños.
Pero tamén as integrantes do equipo de Gimnasia Rítmica Rías Baixas, que obtiveron a clasificación para o nacional no campionato galego desta modalidade deportiva, poderán desprazarse ata Zaragoza, grazas á axuda económica da Deputación, para disputar o Campionato de España, que se celebrará os días 25, 26 e 27 deste mes de abril.
Nun comunicado de prensa, a Deputación de Pontevedra destaca que con estas axudas facilitarán, unha vez máis, "a participación de equipos deportivos desta provincia en competicións de carácter nacional, contribuíndo a financiar os gastos que supón esta participación".