Gran xornada de ciclocrós en Campañó co II Trofeo Concello de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
Lonxe de estragar a xornada, a choiva e a néboa coa que amenceu a provincia outorgou un punto de épica extra á segunda edición do Trofeo Concello de Pontevedra de Ciclocrós, cunha primeira parte do circuíto húmido e esvaradío e unha segunda parte máis dura e técnica.
O hipódromo de Campañó acolleu unha competición na que se deron cita 270 corredores nas categorías cadete, junior, sub-23, elite e de veteranos e que supoñía a décima parada da Copa Galicia da especialidade.
Faltaba á cita a líder da categoría feminina, a marinense Irene Trabazo, e iso aproveitárono Lucía Vázquez e Isabel Castro para xogarse o triunfo nun man a man. Ao final o primeiro posto foi para Vázquez con 28 segundos de vantaxe, mentres que ao terceiro chanzo do podio subiu a junior Andrea García.
Na proba masculina a ausencia destacada era a do sub-23 Samuel Sánchez, restando oposición ao líder e dominador da Copa Galicia ata o momento, Iván Feijóo, que sumou así a súa oitava vitoria da tempada ao avantaxar en 1:18 a Óscar Vázquez. Terceiro foi Darío Otero ao cruzar a meta só tres segundos despois e cuarto, a pesar de non ser a súa especialidade, o ciclista profesional na estrada Gustavo César Veloso.
O resto de gañadores en Campañó foron Aida González e Fabián Rodríguez en cadetes, Adrián Barros en junior, Zaida González en idade sub-23, Luciano Carretero nos masters-30, Alejandro Trasbach nos masters-40 e Javier de la Fuente nos masters-50/60.
Consulta aquí as clasificacións completas do II Trofeo Concello de Pontevedra de Ciclocrós organizado polo Club Deportivo Pinarium.