Subir ao podio, obxectivo de Saleta Castro no Ironman de Malaisia
Por Diego Espiño
É a súa última carreira do ano e preparouna a conciencia, non en balde é a primeira cita marcada en vermello no calendario para buscar a súa clasificación para o Campionato do Mundo de Hawaii 2018.
Saleta Castro aspira este sábado 11 de novembro a subir ao podio no sempre duro Ironman de Malaisia. Ese é o obxectivo que se marcou no momento de realizar a planificación da tempada, na que espera lograr os puntos necesarios para Kona completando soamente tres Ironman (xunto a Sudáfrica en abril e Frankfurt en xullo).
A triatleta pontevedresa parte entre as favoritas na proba asiáttica, especialmente tras o seu gran triunfo en Maastricht, aínda que contará cun gran inimigo, a calor.
Por ese motivo, unido ao cambio horario, Saleta viaxou a Malaisia con tempo suficiente para aclimatarse e ir atopando as sensacións, aínda que durante a semana chegou a recoñecer a través das súas redes sociais que "a sensación de abafo e bochorno é un inferno".
A carreira dispútase na Illa de Langkavi, con 3,8 quilómetros de natación no mar de Andaman, 180 quilómetros de ciclismo con poucas pendentes e 42,2 quilómetros de carreira a pé por unha zona na que atoparán pouco público, próxima ao aeroporto.
Ademais de Saleta Castro, outros dos nomes destacados na liña de saída de Malaisia son os das alamenas Diana Riesler e Mareen Hufe.
A proba profesional feminina do Ironman de Malaisia disputarase o vindeiro sábado a partir das 0:42 da madrugada (hora española).
Relacionadas:
-
Saleta Castro roza o podio no Ironman de Malaisia
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro correrá o Nacional de Longa Distancia de 2018 e o Mundial 2019 en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Histórico triunfo de Saleta Castro: a pontevedresa vence con autoridade no Ironman de Maastrich
Por Alejandro Espiño |
-
Pablo Dapena e Saleta Castro, campións galegos de tríatlon sen drafting
Por Redacción |