O Consello de Administración do Pontevedra non acepta a dimisión de Luisito
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Ata a madrugada prolongouse a reunión do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol convocada de urxencia tras o anuncio de dimisión Luisito en Talavera, a consecuencia da derrota do equipo.
Ás 22:30 horas da noite chegaba ao Estadio Municipal de Pasarón a presidenta do Consello, Lupe Murillo, e o director deportivo Roberto Feáns directamente desde a localidade manchega, e a eles uniuse o resto da cúpula directiva da entidade para analizar as palabras do técnico e tomar unha decisión con respecto ao seu futuro.
Despois de dúas horas de reunión, Murillo comunicaba a decisión adoptada, asegurando tallante que "o Consello de Administración non acepta a dimisión de Luisito. Seguirá sendo adestrador do Pontevedra".
A máxima dirixente do club recoñeceu ter falado co adestrador, pero eludiu dar máis explicacións remitindo aos medios de comunicación a unha rolda de prensa convocada para as 13:00 horas deste luns.