Xusta repartición de puntos (2-2) entre Villalonga e Rácing Villalbés
Por Redacción
Catro partidos sen perder leva o Villalonga, pero tres deles con empates que tendo en conta a situación non alivian moito a súa delicada posición na táboa cando os de Julián Ferreiro necesitan sumar de tres en tres. As baixas de Roberto Pazos e Machu deixáronse notar bastante no equipo de San Pedro, especialmente en portaría, onde Adrián Malleiro se mostrou nervioso e inseguro, pero o certo é que o Villalonga deixou escapar novamente a vitoria despois de adiantarse dúas veces no marcador.
Gol temperán para o equipo celeste, ao transformar Jorge Fernández un claro penalti cometido por Hugo sobre Tenorio. Era o escenario ideal para asentar os nervios, pero o Villalbés recorreu ao fútbol directo e fíxose dono do partido. A pesar de non dispoñer de grandes ocasións, os visitantes lograrían empatar nos últimos compases do primeiro tempo, tras un corner que remata Mauro Porati, coa mala fortuna para o Villalonga de que o balón dá en Leo e se coa.
Nada máis continuarse o partido o Villalonga adiántase de novo. Outra vez Jorge Fernández sería o encargado de culminar un centro de Fran Matos. A vantaxe deixou o mando do partido nas botas dos visitantes, que se lanzaron en busca do empate e o conseguiron cun disparo cruzado de Justino.
Quedaba un cuarto de hora, pero pouco despois chegou a expulsión do visitante Hugo e o conformismo de ambos os dous equipos que pareceron dar por bo a repartición de puntos. Agora si, o próximo domingo os de Julián Ferreiro teñen unha verdadeira final na visita ao campo do Negreira, equipo co que agora mesmo parece deberán xogarse as súas opcións de permanencia.
VILLALONGA, F.C. (2): Adrián Malleiro, Ramón (Quini, min. 64), Leo, Marc, Miguel, Tenorio, Nelo, Jorge Fernández, Saúl, Fran Matos e Uru.
RÁCING VILLALBÿS (2): José Ángel, Pablo Vivero, Álex, Roberto Prieto, Borja, Hugo, Maké (Erni, min. 65), Mauro Porati, Dani (Kiko, min. 73), Justino e ÿscar Martínez (Nico, min. 86).
Árbitro: David Brito Regadera (Ferrol) auxiliado nas bandas por Juan Orozco Corredoira e Alejandro Miño Pico. Expulsou por dobre amoestación a Hugo (minuto 79). Amoestou Marc, Tenorio, Nelo, Ramón, Pablo Vivero, Álex, Roberto Prieto, Borja, Dani e Kiko.
Goles: (1-0) Minuto 9: Jorge Fernández, de penalti. (1-1) Minuto 39: Mauro Porati. (2-1) Minuto 46: Jorge Fernández. (2-2) Minuto 74: Justino.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Uns 300 espectadores.