Abre o prazo de inscrición para a segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares
Por Redacción
Monte Porreiro vivirá o próximo domingo 7 de abril o nacemento dunha nova proba atlética, o Gran Premio UNED, incluída dentro do Circuíto de Carreiras Populares que Pontevedra estrea en 2013.
O prazo de inscrición para a proba, que contará cun percorrido de 8 quilómetros con saída e chegada do Mirador, permanecerá aberto dende este mércores 20 de marzo ata o 3 de abril, cun prezo de 5 euros para propietaros do chip de cronometraxe e un euro máis se é necesario alugar o dispositivo. A inscrición debe realizarse a través da web www.championchipnorte.com, sendo a última oportunidade para anotarse a todas as probas do circuíto cun prezo reducido de 25 euros.
A Carreira Pedestre de San Brais estreou o calendario o pasado 2 de febreiro. Despois de Monte Porreiro será quenda o 15 de xuño dunha proba de 10.000 metros nocturna polo centro da cidade, o 25 de xullo da carreira de Santiaguiño do Burgo, seguida de Campañó o 21 de setembro e a Medio Maratón para pechar o circuíto o 20 de outubro.
O Gran Premio UNED arrancará ás 10:00 horas para as categorías inferiores e ás 11:00 para os adultos.