Galicia logra vinte medallas no Campionato de España de inverno de Piragüismo disputado en Sevilla
Por Redacción
Galicia foi a grande dominadora do Campionato de España de Inverno que se disputou en Sevilla durante dous días. Vinte medallas e o título do Kaiak Tudense de campión por equipos é unha mostra de que mantén o seu enorme potencial a nivel nacional. Foi un campionato especial, xa que moitos deportistas realizaron un enorme esforzo para estar presentes nesta cita, unha das máis importantes a nivel nacional e que marca o inicio da tempada.
O Kayak Tudense logrou proclamarse campión de España de Piragüismo por sétima vez de forma consecutiva, unha xesta que se pode considerar histórica xa que nunca antes ningún club lograra unha serie tan fabulosa. Os tudenses, que se presentaron en Sevilla cunha numerosa e poderosa formación, cumpriron os prognósticos. Pero tamén Galicia conquistou os seus obxectivos. Na clasificación final por clubs pódense encontrar sete equipos da comunidade galega entre os vinte primeiros clasificados. A iso débense unir vinte medallas individuais.
A dura pugna entre o Kaiak Tudense, o Club Náutico de Sevilla e o Club Escola de Piragüismo de Aranjuez saldouse co triunfo dos pontevedreses, mellores na regularidade e tamén nas posicións finais dos seus padexeiros en todas as categorías. As diferenzas na puntuación foron escasas, pero a vitoria do Kaiak Tudense non admite ningunha discusión. O equipo local quedouse a cen puntos do triunfador.
Entre os vinte primeiros hai sete conxuntos da nosa comunidade, tres deles entre os dez primeiros. Os tudenses lideraron a clasificación. O Club As Torres de Catoira Romería Vikinga foi quinto. O Breogán do Grove rematou sexto. Décimosegundo clasificouse o Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra. O Club Náutico de Pontecesures, o Ría de Betanzos e o Verducido Pontillón tamén estiveron entre os vinte primeiros. Ningunha outra autonomía logrou tan bos resultados.
Se brillante foi a actuación por clubs, o mesmo se podería dicir no aspecto individual. Tono Campos, do Ría de Betanzos, impúxose con claridade en C-1, unha proba intensa na que tivo como principais rivais aos compoñentes do Kaiak Tudense. Pero regulou as súas forzas, elixiu unha boa estratexia e gañou con autoridade tras un final soberbio. Non lle puido aguantar Diego Romero, do Ría de Betanzos, que foi segundo, nin Manuel Garrido, do Kaiak Tudense, que rematou terceiro. Diego Romero tamén se levou a medalla de ouro na categoría de sub-23. Outro dos protagonistas foi ÿscar Carrera, que logrou a terceira posición na modalidade de K-1 sub-23.
De espectacular pódese cualificar a actuación de Sergio Vallejo Esperón, do Club Piragüismo Poio Pescamar. Conquistou dúas medallas de ouro, nas especialidades de C-1 júnior e sub-17. A súa enorme fortaleza quedou demostrada nunha proba que dominou dende o comezo ata o final, sen dar ningunha opción aos seus adversarios.