O Mareantes vence en Arteixo e mantense na Primeira División Galega
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Despois dunha tempada complicada, na que tivo que pelexar ata o final da liga por evitar o descenso, o Mareantes Rugby Pontevedra celebra a súa permanencia na Primeira División Galega.
O club pontevedrés venceu en Arteixo ao Zalaeta (10-17) nun competido duelo na volta do play-off confirmando que mantén a súa praza na máxima categoría autonómica.
Ao concluír sexto a liga regular, o Mareantes tivo que afrontar unha elimatoria a dobre partido ante o subcampión de Segunda División, da que con moito esforzo resultou airoso.
Os de Pontevedra xa gañaran por unha estreita marxe no encontro de ida, en Monteporreiro (28-24), e confirmaron a súa superioridade vencendo tamén fóra da casa para non dar lugar á sorpresa.
Desta forma a cidade de Lérez volverá contar a próxima tempada con dous equipos na Primeira División Galega, o propio Mareantes e o Pontevedra Rugby Club, cuarto clasificado esta campaña na liga regular e eliminado nas semifinais polo título contra o gran dominador do ano, o CR Ferrol.