Pesimismo ante a nova lesión de Mario Barco
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Mario Barco podería non volver vestir a camiseta do Pontevedra. Polo menos esta tempada, xa que o dianteiro rioxano cedido polo Club Deportivo Lugo perderase o que resta de liga se se cumpren os peores agoiros sobre a lesión que lle obrigou a retirarse nos minutos finais ante o Coruxo.
Foi Luisito en rolda de prensa o primeiro en recoñecer que Barco "rompeu atrás", en referencia á zona posterior da coxa da súa perna esquerda na que sentiu unha forte picada. "Mario xa perdeu a tempada", sinalou resignado o técnico granate.
Luisito: "Rompeu atrás, Mario xa perdeu a tempada"
Aínda que inicialmente estaba previsto que o futbolista se sometese o martes ás probas médicas pertinentes, non será ata última hora do mércores cando o ariete poida coñecer o alcance exacto da lesión, pero existe certo pesimismo no club xa que se se confirma que existe rotura o período de baixa do futbolista roldaría como mínimo un mes, o que lle faría perderse os tres últimos partidos da liga regular e ser seria dúbida para o posible play-off de ascenso.
A lesión chega nun momento no que o máximo goleador do equipo encadeara tres partidos consecutivos como titular e esquecera os problemas físicos derivados da importante lesión de nocello que se produciu a principio de ano.
Sexa cal for o diagnóstico, Barco será baixa segura para o encontro do próximo domingo (18:00 horas) en Boiro, un choque que tamén perderá por sanción Álex González, ao ver ante o Coruxo a súa quinta amarela da competición, mentres Portela é dúbida tras varias semanas fose do equipo por lesión.
VIAXE ORGANIZADA DA AFECCIÓN A BOIRO
O Pontevedra non estará só no campo municipal de Barraña, en Boiro, onde tentará deixar sentenciada a súa presenza na fase de ascenso ante un equipo local que pelexa por escapar do descenso.
O club granate puxo a disposición dos seus seguidores a opción de viaxar en autocar ao partido cun prezo (entrada incluída) de 22 euros por persoa. O prezo redúcese aos 17 euros en caso de mozos entre os 16 e 17 anos e a 7 euros para o smenores de 16 anos, xa que nese caso a entrada será de balde.
Os interesados deben anotarse nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón ata as 14:00 horas do próximo venres. O autobús partirá o domingo ás 16:00 horas desde o Fondo Sur de Pasarón e regresará ao termo do choque.
Relacionadas:
-
Perdoa o Boiro e o Pontevedra arrinca un punto de ouro (1-1) que lle achega ao obxectivo
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Esixencia máxima en Boiro para un Pontevedra que quere pechar a súa presenza no play-off de ascenso
Por Diego Espiño |
-
Mario Barco, baixa confirmada ata final de liga
Por Diego Espiño |
-
Non aproveita o Pontevedra o tropezo dos seus rivais ao empatar co Coruxo (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |