Cada vez máis difícil para o Portonovo tras unha xornada con derrotas tamén de Unión Grove e Sanxenxo
Por Redacción
O Portonovo non consegue remontar posicións e cada xornada que pasa ve como se afasta a permanencia en Preferente.
Os arlequinados sumaron o seu cuarto partido sen gañar despois de caer goleado en Baltar (0-4) ante un efectivo Ourense. A pesar da resistencia inicial dos locais, o encontro comezou a decantarse ao fío do descanso co gol de Víctor Gallego.
Mediado o segundo tempo, cando o Portonovo buscaba a igualada, os visitantes golpearon de novo, e terminaron sentenciando nos últimos minutos para desesperación local.
Coa derrota os arlequinados seguen décimo oitavos con 30 puntos, a 5 xa do rival que lle precede na táboa, o Mondariz.
Consulta aquí a acta do Portonovo-Ourense CF.
Tamén perdeu o Xuventú Sanxenxo, por segunda semana consecutiva, na súa visita ao campo do pechacancelas, o Verín. Fíxoo nun polémico encontro que dominaba e que se decidiu por dous discutudos penaltis nos últimos minutos.
Despois dunha primeira metade de igualdade, os amarelos adiantáronse ao comezo do segundo acto cun gol de Adrián. O Verín igualou no minuto 65 e Álex Currás, no 82, facía o 1-2 que parecía podía ser definitivo.
Non foi así porque o Verín aproveitou dúas penas máximas no 86 e no desconto para dar a volta ao marcador e quedar cos puntos en xogo.
A derrota deixa ao Xuventú Sanxenxo duodécimo con 42 puntos.
Consulta aquí a acta do Verín-Xuventú Sanxenxo.
A xornada completouna o Unión Grove cunha nova derrota, no seu caso como local ante o Pontellas (1-3).
Un penalti serviu aos visitantes para tomar vantaxe na primeira metade, pero non foi ata o segundo acto cando sentenciaron con dous tantos máis que fixeron imposible a reacción do cadro meco, que só puido recortar distancias a menos de 20 minutos para o final.
O Unión Grove é agora décimo terceiro con 41 puntos.