O Waterpolo Pontevedra inicia o play-off polo título galego
Por Redacción
Non parece a priori a tempada máis propicia para que o Waterpolo Pontevedra poida levantar outra vez o título de campión da Liga Galega Absoluta, pero os de Javi de Sáa non se resignan e afrontan con ganas a fase definitiva da competición.
O equipo pontevedrés recibirá este sábado (17:00 horas) na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Club Waterpolo Santiago, no primeiro partido da semifinal polo título.
Ao concluír a liga regular na terceira posición, o Pontevedra contará con desvantaxe de campo na primeira eliminatoria do play-off. Desta forma o segundo encontro da serie celebrarase o día 22 de abril en Santiago de Compostela do mesmo xeito que o terceiro, en caso de ser necesario, previsto para o día 29 de abril.
O Waterpolo Pontevedra tentará mellorar as súas prestacións con respecto ao recente partido de liga ante os santiagueses, que lles gañaron por 6-7, para meter presión ao seu rival antes de que a eliminatoria viaxe a Santiago.