O deporte de Poio mobilízase pola loita contra o cancro infantil
Por Diego Espiño
"Este evento nace da concienciación, de ensinar aos nenos que a través do deporte tamén se pode axudar". Así explicou Paco Albar, instrutor da escola ciclista de Poio, a primeira Pedalada Solidaria contra o cancro infantil que organizaron para o vindeiro domingo 5 de marzo.
Na zona da Seca habilitarase un circuíto de 2 quilómetros nos que os 200 deportistas inscritos, de 5 a 73 anos, tentarán completar simbólicamente 1.300 quilómetros entre todos pensando nos "1.300 nenos que padecen cancro infantil en España".
O evento comezará ás 9:00 horas e prolongarase ata as 14:00 horas, organizado polo Poio Bike Club en beneficio da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
Ademais da parte ciclista, para a que se completaron inscricións, a Pedalada está "aberta a que todo mundo poida facer aportacións solidarias" durante a súa celebración, sinalou a concelleira Marga Caldas.
Dúas sesións gratuítas de Zumba e un 'photocall' completan a programación dunha xornada dedicada especialmente e Isi, mozo ciclista da escola municipal que se enfronta a esta dura enfermidade.