O seleccionador nacional de balonmán pasa revista en Pontevedra ás promesas galegas
Por Diego Espiño
O futuro do balonmán galego e nacional reúnese estes días en Pontevedra, concretamente no colexio Los Sauces, onde levan a cabo unhas xornadas de formación incluídas no proxecto de observación e captación de novos talentos da Real Federación Española de Balonmán.
Jordi Ribeira, seleccionador nacional absoluto, encabeza a concentración, na que tamén participa dentro do corpo técnico o preparador físico das seleccións nacionais, Jesús Rivilla, e o actual adestrador do Cisne, Jabato, colaborador habitual da Federación.
Un grupo de 40 xogadores en idade cadete e xuvenil de diferentes clubs galegos foron citados a unha concentración que se prolongará durante este luns e tamén o martes, día 28 de febreiro.
Entre os seleccionados atópanse varios xogadores de Teucro e Cisne. En idade cadete participan Gonzalo Domínguez e Daniel Gómez polo Teucro e en categoría xuvenil Rokkvi Steinunnarson e Sergio Lorenzo, mentres polo Cisne nesta segunda categoría foron convocados Álvaro Preciado e Roque Arias.
A concentración feminina desenvolverase o próximo mes de abril coincidindo coa celebración en Porriño da Copa da Raíña.