Xornada para esquecer no fútbol sala pontevedrés
Por Redacción
Dura derrota do Leis Pontevedra ante o Zamora na Segunda División B masculina, non polo resultado (2-3), senón polo inmerecido do mesmo tras o bo partido dos pontevedreses.
O Leis foi superior en boa parte do partido, pero o cadro visitante tirou de pegada e aproveitou as súas poucas ocasións para levar os puntos en xogo.
Os de Manu Cossío iniciaron o choque con presión alta e xogando na pista do Zamora, que non era capaz de zafarse. Parecía que ía chegar o primeiro tanto local, pero con todo no primeiro erro que cometían os pontevedreses adiantábase o cadro visitante, no minuto 7.
A tónica do partido non cambiou, cos locais dominando en busca da igualada e gozando de claras ocasións, pero o que chegou foi o 0-2 pouco antes do descanso.
A situación agravouse ao comezo do segundo tempo, co terceiro dos zamoranos, pero o Leis non desesperou e co mesmo plan, presión alta, seguiu crendo nunha remontada que a punto estivo de chegar. No minuto 28 Pablo recortaba distancias. Martín só 30 segundos despois atopábase co poste e no 33 Barcala batía a Imanol tras regatear a dous defensas. Eran os mellores minutos do Leis, que converteu o partido nun monólogo na busca dun empate que, a pesar dos seus esforzos, non chegou nin xogando con porteiro-xogador nos instantes finais.
Esta derrota deixa ao Leis na duodécima posición da táboa con 10 puntos.
DERROTAS DE LEIS E CIDADE DE PONTEVEDRA NA SEGUNDA FEMININA
De máis a menos foi o equipo do Leis no seu choque da Segunda Feminina na cancha do Segovia FS (4-1). Empezaron perdendo as pontevedresa, pero sen perder a cara ao partido conseguían o empate cun gol de Patri no medio duns bos minutos de xogo.
Así se chegaba ao descanso, empezando o segundo acto cos mellores minutos do Leis, con oportunidades para tomar vantaxe no electrónico. Sen embargo sería o Segovia o que aproveitaría a súa primeira oportunidade para marcar o segundo. O gol fixo dano ás pontevedresas, que mantiveron a intensidade ata o terceiro tanto local, no que viñeron abaixo física e animicamente, terminando por recibir un gol máis.
A derrota deixa ao Leis na penúltima posición do Grupo IV con 13 puntos.
Tamén perdeu o seu partido no Grupo I da Segunda División Feminina o Cidade de Pontevedra, nun choque moi igualado ante o Orvina (2-3). As pontevedresas seguen sen deixar atrás o seu mal momento de resultados e son duodécimas da clasificación con 11 puntos.
Relacionadas:
-
Os problemas clasificatorios non desaparecen para Leis e Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Duro castigo para o Leis na cancha do Albense (6-0)
Por Redacción |
-
O Leis métese en problemas tras perder na cancha do Ventorrillo (4-3)
Por Redacción |
-
O Leis feminino reacciona para sumar un punto ante o Alcorcón B
Por Redacción |