Juan Carlos I proclámase en Sanxenxo vencedor do Circuíto Nacional de 6M
Por Redacción
O rei emérito, Juan Carlos I, proclamouse vencedor do Circuíto Nacional de 6M.
Á entrega de premios no Real Club Náutico de Sanxenxo asistiron, entre outros, José Ramón Lete Lasa, novo Secretario de Estado para o Deporte que foi felicitado polo seu recente nomeamento polo rei emérito; así como Jesús Sueiro, como Concelleiro de Deportes, en representación do alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
Este domingo celebrouse en Sanxenxo a última proba do Circuíto Nacional de 6M sobre un percorrido barlovento/sotavento no que o "Alibabá II" de Peter Dubens, patroneado nesta ocasión polo vigués Victor Mariño, venceu con máis dun minuto de vantaxe.
Tras sete meses de disputa do I Circuíto Nacional de 6M cabe destacar o claro dominio do barco de José Cusí, o "Bribon Movistar", que desde a primeira á última proba estivo patroneado por Don Juan Carlos e impúxose ao resto da frota en cinco das sete probas disputadas. Tan só o británico "Alibabá II" de Peter Dubens foi capaz de seguir o ritmo do barco do Real Club Náutico de Sanxenxo, vencendo en dúas probas das sete do circuíto: o Trofeo Príncipe de Asturias en Baiona e a última proba disputada este domingo en Sanxenxo.
A frota ademais das probas de Sanxenxo, entre as que cabe destacar o Trofeo Viaxes InterRías e a Regata Rey Juan Carlos-Master El Corte Inglés, navegou tamén en Marín no Trofeo Almirante Rodríguez Toubes, en Pedras Negras (O Grove) na Regatas das Illas Atlánticas e en Baiona no Trofeo Príncipe de Asturias, percorrendo desta forma as Rías Baixas.