Cunha polémica actuación arbitral, de penalti e no desconto escápaselle a vitoria (2-2) ao Pontevedra B na Estrada
Por Redacción
Repartición de puntos entre Estradense e Pontevedra B no partido que fora aprazado o pasado día 26 de xaneiro polo mal estado do terreo de xogo de A Baiuca. Os locais empataron co tempo cumprido grazas a un polémico penalti sinalado polo colexiado, que minutos antes expulsara ao visitante Diego González, nunha actuación moi protestada polos pontevedreses, que non dubidaron en responsabilizar o colexiado ourensán de non ter podido conseguir unha vitoria que lles tivese suposto unha importante dose de tranquilidade para lograr o obxectivo da permanencia.
Conscientes da importancia de sumar os tres puntos, os dous equipos saíron buscando dende o inicio o portal contrario e froito diso foron as numerosas ocasións de gol que ben puideron rematar cun resultado moito máis amplo.
O Estradense golpeou primeiro cando nin sequera transcorrera un minuto de xogo, por medio de Vicente, rematando unha xogada de Unai. Non se caeu o Pontevedra B, que logrou igualar moi pronto, no minuto 9, por medio de Javi Pazos, e mesmo seguiron levando o mando do partido ata o descanso.
Na segunda metade as accións de estratexia foron as protagonistas e nelas o Pontevedra B mostrábase moi superior, ata que Diego González conseguía rematar adiantando os granates. A expulsión do mesmo Diego González facilitou o acoso do Estradense, que viu como o árbitro sinalaba como penalti un suposto agarrón sobre Unai, nun balón colgado á área, entre as protestas dos visitantes. Vicente non perdoaría, logrando a igualada ante o lóxico enfado dun Pontevedra B que mereceu máis.
C.D. ESTRADENSE (2): Coke, Martín, Chan (Escudero, min. 80), Yupe, Silva (Pato, min. 88), Brais, Vicente, Mateo (Xenxo, min. 83), Pepe, Lema (Brian, min. 63) e Unai.
PONTEVEDRA B (2): Edu Sousa, Pacheco, Uru, Cristóbal Domínguez, Yago Vázquez, Emilio, Víctor (Canosa, min. 76), Paco (Diego González, min. 59), Javi Pazos, Buba (Chicho, min. 90) e David Eirín (Portu, min. 59).
Árbitro: Carlos Quintas Lorenzo (Ourense), axiliado nas bandas por Jordan González e González Paulo. Expulsou Diego González (minuto 85) e o adestrador local, Tinto (minuto 88), ambos os dous por dobre amonestación.Amonestó a Yupe, Brian, Pacheco e Cristóbal Domínguez.
Goles: (1-0) Minuto 1: Vicente. (1-1) Minuto 9: Javi Pazos. (1-2) Minuto 71: Diego González. (2-2) Minuto 94: Vicente, de penalti.
Incidencias: Campo sintético de San Martiño de Callobre (A Estrada). 150 espectadores.