Castigo para o Ribadumia no desconto, empate do Arosa e triunfos de Villalonga e Céltiga
Por Redacción
Duro golpe ao Ribadumia na Senra ante o Cerceda (2-3), despois dun partido de alta tensión que acabou mesmo con incidentes na bancada.
O cadro aurinegro gañaba 2-1 no minuto 90, pero dous goles de Uxío para os visitantes no desconto déronlle a volta ao marcador.
O partido foi do máis igualado, pero púxose de fronte para os de David Sierra aos 25 minutos cun bo gol de Fran Fandiño desde a frontal. Empatou Álex Ares antes do descanso, pero na continuación un penalti cometido sobre Agus transformábao Camiño no 2-1.
Cedeu entón o control o Ribadumia, á espera dunha contra para sentenciar o choque. Non chegou ese gol e os locais terminárono pagando da forma máis cruel.
Coa derrota os da Senra caen á oitava praza da Terceira División con 17 puntos.
Consulta aquí o acta do Ribadumia-Cerceda.
Importante triunfo do Villalonga no campo dun rival directo, o CD Castro (1-2), para afastarse da zona perigosa da táboa.
Os celestes son agora undécimos con 16 puntos despois dun choque que decantaron na primeira metade.
Iván Renda aos 8 minutos poñía en vantaxe ao Villalonga, mentres Javi Pazos de penalti ampliaba o marcador no 28. Desde ese momento os de Antonio Fernández souberon defenderse con acerto e só sufriron nos últimos minutos cando o equipo local, no 84, recortou distancias.
Consulta aquí o acta do Castro-Villalonga.
Vitoria tamén para o Céltiga, no seu caso no Salvador Otero da Illa ante o Choco (1-0).
Un gol de Ramón Eiras ao fío do descanso bastou para decidir un choque tremendamente igualado e que deixa aos arousáns na sexta praza con 18 puntos.
Consulta aquí o acta do Céltiga-Choco.
Completou a xornada o Arosa fóra da casa, no campo do Dubra, nun partido que se lles atascou aos de Vilagarcía (1-1).
O cadro arlequinado adiantouse cun tanto en propia meta aos 13 minutos, pero o locais lograron repoñerse e igualar antes do descanso.
A pesar dos esforzos para desbloquear o partido, os de Jorge Otero non tiveron fortuna e tiveron que conformarse cun punto que lles mantén cuartos, con 20.
Relacionadas:
-
Duras derrotas de Ribadumia e Céltiga, vitoria do Arosa e o Compostela empata ao Villalonga no desconto
Por Redacción |
-
Xornada negra con empate do Ribadumia e derrotas de Céltiga, Arosa e Villalonga
Por Redacción |
-
Xornada de empates na Terceira División
Por Redacción |
-
Remontada de play-off para o Arosa, valioso triunfo do Villalonga e tropezos de Ribadumia e Céltiga
Por Redacción |