A Escola Hungaresa de esgrima celebra o seu quinto aniversario co Trofeo Mestre Imre Dobos
Por Redacción
O próximo sábado día 2 de marzo a Escola Hungaresa de Pontevedra organiza o Trofeo Mestre Imre Dobos de esgrima para conmemorar o seu quinto aniversario.
O torneo enfronta a tiradores das distintas categorías da escola, que competirán por facerse co trofeo da proba, un auténtico sabre da Garda Real húngara gravado cos nomes dos vencedores das pasadas edicións.
A sede do club, na antiga Escola de Maxisterio, acollerá o evento nas modalidades de minisabre (de 5 a 7 anos), sabre infantil (de 8 a 12), sabre absoluto (dende os 13 anos) e esgrima antiga, que se converte na novidade da competición enfrontando aos tiradores do grupo que adestra dende hai un ano nas modalidades de espada longa e espada ropera.
Todas as probas, de 10:30 a 13:00 e de 16:30 a 19:30 horas, serán abertas ao público e de entrada gratuíta.