Ana Román, principal dúbida do Arxil en Asturias
Por Redacción
O Club Baloncesto Arxil quere confirmar este sábado (20:00 horas) en Avilés que o seu bo comezo na Liga Feminina 2, con triunfo claro ante o Ensino, non foi un espellismo.
As pontevedresas queren reivindicarse no seu primeiro encontro a domicilio, na cancha do ADBA asturiano, un equipo que na primeira xornada caeu nun apertado encontro ante o Joventut Les Corts (62-60).
O cadro verde viaxa sen Ana Martín, que segue recuperándose da súa lesión nunha man, e coa dúbida de Ana Román, que a pesar de todo entrou na convocatoria.
Unha lumbalxia lastrou á pívot durante a semana, aínda que se espera que poida contribuír coa súa experiencia e compartir así responsabilidade no xogo interior con Minata Keita, máxima anotadora (26 puntos) da primeira xornada en toda a Liga Feminina 2.
Manter o nivel defensivo mostrado na estrea ligueira será unha das claves do choque, como o será vixiar a Andrea Mandala, Sara Fernández e Eva Rupnick, autoras de 44 dos 60 puntos do seu equipo ante o Joventut.