Poio Pescamar dorme como líder provisional ao impoñerse ao Móstoles (2-1)
Por Redacción
O Poio Pescamar impúxose ao Móstoles, que chegaba ao pavillón da Seca como líder e imbatido, o que lle permite durmir como líder provisional de Primeira División, por primeira vez na súa historia, a falta dos partidos que se xogarán na xornada deste domingo.
O partido comezaba con equilibrio sobre a pista e con ocasións claras de ambos os equipos para tomar a dianteira no luminoso. Cando todo apuntaba a que o marcador non se movería na primeira parte o Poio Pescamar conseguía adiantarse cun gol de Jessy.
Parecida formulación na segunda metade, con dous equipos intensos na presión ao rival, que tentaban mover o balón con velocidade. Aos 28 minutos, as madrileñas optaban polo xogo de cinco. Os riscos desta decisión pasáronlles factura tras unha perda de balón, cando Silvia, porteira local, desde o seu propio campo lograba o segundo gol.
O conxunto mostoleño acusou o golpe pero seguiu mantendo a súa presión en tres cuartos de cancha, ante un Poio que optaba por manexar os tempos. Aos 31 de partido, nunha contra rápida das madrileñas, Inma poñía o 2-1 que lle engadía emoción ao desenlace do choque. Nos últimos minutos as visitantes volveron optar polo xogo de cinco, pero o Poio soubo empregarse a fondo en tarefas defensivas ata conseguir a vitoria pola mínima que lle outorga o liderado provisional.
POIO PESCAMAR (2): Silvia; Ceci, Charo, Jéssica e Jenny (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carolina, Suki, Ale de Paz e Patri Corral.
MÓSTOLES FSF (1): Miri; Patri Chamorro, Celia, Carmen e Inma (quinteto inicial). Tamén xogaron, Beth, María Otero, Ballesteros, Ana Etayo (segunda porteira) e Rocío.
Árbitros: Guntín Garrido e Xurxo García Rodríguez (Ourense). Amoestaron a Beth e Celia no Móstoles e a Suki no Poio Pescamar.
Goles: (1-0) Minuto 19: Jessy: (2-0) Minuto 28: Silvia. (2-1) Minuto 31: Inma.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 400 espectadores.