Triunfo do Teucro ante o Avanca portugués nun partido de luces e sombras
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Dúas caras mostrou o Teucro no seu primeiro partido da pretempada en Pontevedra, ante o Avanca portugués (35-30).
Os azuis terminaron vencendo nun choque típico da época de preparación, con diferentes probas tácticas e repartición de minutos entre todos os xogadores, que se lles puxo costa arriba na primeira metade.
No inicio o cadro teucrista deixou dúbidas en defensa e chegou a ir 10-18 por baixo no marcador (min.25), pero foi mellorando para reducir a renda ao descanso e empatar ao comezo da segunda metade (20-20, min.35).
A partir de aí os de Quique Domínguez mostraron unha boa versión, dinámica en ataque e con protagonismo dalgún dos novos, como Borja Méndez que anotou sete tantos.
Ao final proba positiva para os azuis que aproveitaron a ocasión para aclimatarse ao pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe, onde disputarán os seus primeiros partidos de liga polas obras que se están acometendo no Municipal.