A Copa España e o título autonómico, en xogo no II Trofeo Ría de Marín de ciclismo feminino
Por Redacción
A segunda edición do Trofeo Ría de Marín de ciclismo feminino en estrada promete emocións fortes o vindeiro sábado 6 de agosto.
A proba organizada polo Club Ciclista Marín, última cita da Copa de España, poñerá en xogo tamén os títulos autonómicos cadete, junior e elite sub-23.
Cun esixente trazado e final no Lago de Castiñeiras, o Trofeo Ría de Marín contará con 98,6 quilómetros de percorrido para a ciclistas elite e sub-23, con tres pasos polo alto do Castro de terceira categoría, e un polo de Miñán, de segunda, para un desnivel acumulado de 1.364 metros.
Pola súa banda as corredoras junior, entre as que se atopa a local Irene Trabazo aspirando ao título autonómico, completarán 72 quilómetros cunha subida menos ao Castro, mentres as cadetes percorrerán 34 quilómetros e non terminarán no alto.
A saída da carreira está programada para as 14:00 horas, con 165 ciclistas inscritas.
Despois de oito xornadas disputadas na Copa España, a austriaca Anna Kiesenhofer (Frigoríficos Costa Brava-Naturalia) chega a Marín como líder elite e sub-23, mentres Sandra Alonso (Bioracer) xa é gañadora matemática en idade junior e Melisa Gómez (Almoradí) na cadete.