O atletismo galego ben merece unha festa
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra foi este xoves unha festa, a do atletismo galego, que serve de despedida da tempada atlética de verán para a maioría de deportistas.
As probas en distancia non olímpica centraron grande parte da atención nunha competición que arrincou pasadas 18:40 horas. Entre elas estaban uns atípicos 150 metros lisos coa presenza dun dos mellores velocistas nacionais, Mauro Triana.
Tamén a milla, na que estaba inscrito o trío junior galego con Adrián Ben, Miguel González e Tariku Novales. Nesta distancia tamén estaba anotado o triatleta olímpico talaverano Fernando Alarza, que afina estes días a súa preparación para Río de Janeiro.
Nos 5.000 metros lisos estivo presente a recente medallista nacional (bronce) Esther Navarrete. Ademais nos concursos como o de xavelina púidose ver á plusmarquista nacional Promesa, a galega Lida Parada, e nos 3.000 metros marcha ao internacional junior Daniel Chamosa, entre outros.
Dúas horas de bo ambiente e deporte que se pechou cunha diferente remuda mixta 2x200 metros.