Cristina García pon rumbo ao Campionato do Mundo de Salvamento
Por Redacción
A súa gran actuación no recente Campionato de España de Salvamento, celebrado en Alacante e no que conseguiu tres medallas (dúas de prata e un bronce), valéronlle a Cristina García para facerse un oco no equipo nacional absoluto.
Estes resultados súmanse aos conseguidos no nacional de inverno, sumando un total de sete medallas entre ambas as probas (3 ouros, 3 pratas e 1 bronce), as máis importantes da tempada a nivel estatal.
A deportista do PC Salvamento Sanxenxo foi convocada para o Campionato do Mundo da especialidade que se vai a celebrar do 6 ao 11 de setembro en Eindhoven (Holanda).
Cristina concentrarase co equipo nacional en Madrid o 31 de agosto para adestrar antes da competición, na que espera desempeñar un bo papel e achegarse a unha medalla que sería a guinda a unha notable carreira deportiva.
Ademais Antía García, do Acuático Umia, foi seleccionada dentro da Selección Española junior para disputar, nas mesmas datas pero en Noordwijk (Holanda) o Campionato do Mundo da categoría.