Xogando a medio gas o Teucro supera (35-29) o Amenabar Zarautz e métese en postos de play-off
Por Ramiro Espiño
Quince minutos. Iso foi o que aguantou o tirón o Amenabar Zarautz. Exactamente o mesmo que tardou o Teucro en impoñer a súa evidente superioridade nun partido xogado a tan forte ritmo como de tan baixa calidade. E é que o balonmán se basea fundamentalmente nunha boa defensa algo que nesta ocasión non se viu nin por asomo. Nin defensa, nin tensión nin intensidade, máis ben foi unha especie de "correcalles" con intercambio de golpes no que o mellor parado non podía ser outro que o cadro local.
Falto de centímetros nas súas filas, ao conxunto vasco hai que recoñecelo en cambio o seu atrevemento. Non baixan nunca os brazos nin permiten a máis mínima relaxación a pesar das súas limitacións técnicas. O partido non podía gañalo o Zarautz, só tería sido posible que o perdese o Teucro, e houbo un momento en que os azuis pareceron coquetear con esa posibilidade cando, despois de alcanzar a máxima renda do partido, con nove goles arriba, perderon a concentración e pasaron do 24-15 ao 26-22; un parcial de 2-7 en contra forxado tanto en erros e concesións propios, coma na única arma do seu rival, a de correr, chegar e lanzar.
Da pouca intensidade defensiva falan por si sólos os números finais que reflectiu o marcador, números que puideron ser de auténtico escándalo a pouco que o Teucro pisase o acelerador e lle dese algo máis de continuidade ao seu xogo. E da falta de concentración nesa defensa a consecuencia dun esaxerado número de exclusións, coma se a parella arbitral quixese non desentoar do baixo nivel dun Zarautz que, visto o visto, resulta difícil explicarse como puido gañar ao cadro teucrista no partido da primeira volta.
A partir do minuto 15 de partido o Teucro escapouse no marcador chegando a dispoñer de nove goles de vantaxe
Ata o minuto 15 os visitantes mantiveron o tipo no marcador, máis por desacertos da defensa local que por bo xogo. Abondoulle ao Teucro cun par de paradas de Juan Bar e outros tantos contraataques para empezar a abrir brecha. Ao descanso parecía claro que os puntos ían quedar na casa, como así foi e máis cando en só sete minutos da reanudación a renda teucrista subiu a nove goles. O tempo morto do técnico vasco e a "caraja" dos locais obrigan a Javier Barrios a parar a sangría con outro tempo morto. O Zarautz puxérase a catro. Aí rematáronse as bromas. Novo estirón teucrista para chegar con todo o "peixe" vendido a falta de seis minutos (32-24).
A derrota do Bidasoa permite ao Teucro acceder á sexta praza e situarse en zona de play-off
O último parcial só serviu para que os vascos, que seguían correndo, maquillasen o resultado e para que Barrios dese minutos aos menos habituais, ademais de celebrar que coa derrota do Bidasoa en Irún mete a cabeza nos postos de play-off, algo impensable ao comezo de tempada.
S.D. TEUCRO (35): Juan Bar; Toño Fernández (6), Alejandro Pombo (1), David Chapela (4), Tomás Moreira (3), José Manuel Rial (7), Borja Pedreira (2) -sete inicial- Tomás Dobarro (p.s.), Aarón Vidal, Miguel Porto, Didac Villar (7, 3 de penalti), Carlos García (1), Siscu (4) e Miguel Sío.
AMENABAR ZARAUTZ (29): Ánder Agote; Iosu Epelde (5), David Agirrezabalaga (7, 4 de penalti), Iosu Lertxundi (2), Erik Balenciaga (3), Álex Eizagirre (2), Jurgi Ondarra (1) -sete inicial-, Míkel Roteta (p.s.), Julen Aguirregómezcorta (2), Andoni Beizama, Íñigo Etxaniz (2) e Urko Iruretagoiena (5, 2 de penalti).
Árbitros: José Bautista Gallardo Cabello e Francisco José Gallardo Cabello (colexio Andaluz). Excluíron por dous minutos a Toño Fernández, Alejandro Pombo, Miguel Porto (2), Tomás Moreira, José Manuel Rial, Borja Pedreira, David Agirrezabalaga (2), Julen Aguirregómezcorta e Andoni Beizama.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 6-5, 8-7, 12-9, 15-11, 18-13 (descanso), 22-14, 24-18, 26-22, 28-22, 32-24 e 35-29 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Deixouse notar negativamente a coincidencia horaria co desfile carnavalesco do Ravachol, que fixo descender sensiblemente o número de afeccionados nas bancadas, cuns 400 espectadores. No descanso do partido realizouse a presentación de todos os equipos que compoñen as categorías base da S.D. Teucro e as escolas deportivas do propio club e da Deputación Provincial.