O Ribadumia de David Sierra, case perfilado
Por Ramiro Espiño
Asegurada a continuidade de David Sierra como técnico, o Ribadumia non perdeu o tempo en perfilar o equipo que afrontará a súa terceira tempada en Terceira División, conseguindo renovar ao groso de xogadores que lograron a permanencia, ademais de pechar xa as primeiras incorporacións.
Os da Senra renovaron a dez dos seus futbolistas, entre eles o veterano Changui, que deste xeito cumprirá os 40 anos manténdose activo e disposto a incrementar a súa conta goleadora, tras ser máximo artilleiro histórico da categoría e da tempada pasada.
Xunto ao dianteiro de Boiro, renovaron o seu compromiso: Manu Táboas, Miguel Vázquez, Arán, Pacheco, Gabi, Paco Reigosa, Mou, Agus e Hugo.
En canto ás chegadas, catro son os xogadores que ata o momento aceptaron a oferta do Ribadumia: Lucas Gallego, porteiro que procede do Arosa, Rafita, lateral esquerdo que chega desde o Alondras, Adrián Camiño, mediapunta, que puxo fin á súa longa etapa no Arosa, e David Rodríguez, dianteiro que actuou a pasada tempada no Ribadeo.
Desta maneira, o traballo do corpo técnico e directiva céntrase en buscar polo menos catro incorporacións máis, especialmente para a zona central do campo, que é a que conta con menos efectivos, para afrontar unha nova tempada na que os aurinegros terán como obxectivo conseguir a permanencia sen tantos apuros como no curso anterior.