Medio cento de pilotos, a pola vitoria na Subida Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Uns cincuenta pilotos participarán os próximos días 24 e 25 de xuño na XIX edición da Subida Cidade de Pontevedra, segundo avanzaron este luns os organizadores desta proba, que forma parte do campionato galego de montaña.
A subida, que está organizada pola escuadra Cidade de Pontevedra, viuse obrigada a cambiar os seus días de celebración, debido á convocatoria electoral.
Así, o venres 24 de xuño realizaranse as verificacións dos participantes no peirao das Corbaceiras. Tras estas comprobacións, as tres primeiras mangas da competición desenvolveranse en Marcón a partir das catro da tarde. As outras tres mangas celebraranse o sábado 25 de xuño, a partir das nove e media da mañá.
Ademais, como vén sendo habitual nesta proba, o parque pechado estará habilitado na Praza de España, onde o público poderá contemplar os coches dos participantes antes e despois dos dous días de carreira.
A Subida Cidade de Pontevedra celebrarase na estrada do campo de fútbol de Marcón por Pintos ata o polígono industrial da Reigosa, onde estará situada a meta. Trátase dun percorrido de case tres quilómetros e medio e que conta cun desnivel medio de 214 metros e unha pendente do 7,6%.
A entrega de premios terá lugar o sábado, ás cinco e media da tarde, na Praza de España.
O gañador da pasada edición, Alex Viéitez, sinalou na presentación da proba que se trata dunha das subidas "máis bonitas" do circuíto galego. O actual líder do campionato autonómico, un dos grandes favoritos ao triunfo final, mostrouse convencido de que "se todo vai ben podemos volver gañar".
Pola súa banda, Víctor Magariños -que na pasada edición finalizou en terceira praza da categoría de carrozados- celebrou o cambio de trazado que se aprobou o pasado ano, máis técnico que o anterior e avanzou que virá con montura nova, tras abandonar o BMW M3 E30 e pasar ao Porsche GT3.