Poio, capital do BTT galego esta fin de semana con probas en Samieira e Campelo
Por Alejandro Espiño
A aposta que o Concello de Poio está a realizar polo ciclismo nos últimos anos, que inclúe ademais unha escola municipal deportiva, reflectirase de forma notable esta fin de semana. Samieira e Campelo acollerán dúas probas de BTT de carácter autonómico que levarán ata o municipio a máis de 500 deportistas.
O campo de fútbol de Samieira será o punto de saída e chegada do Campionato de Galicia XCO, unha disciplina olímpica que espera reunir a uns 180 ciclistas, segundo explicou o presidente da federación galega, Juan Carlos Núñez, na presentación desta proba, en cuxa organización colaboran o club de ciclismo Tríatlon Poio e o club ciclista Rachamontes.
Os participantes nas once categorías deste campionato, desde cadete ata máster 50-60, deberán dar unha serie de voltas a un circuíto de algo máis de 5 quilómetros que é "moi querido e moi valorado" polos ciclistas galegos.
Ten un perfil medio de 198 metros de altura. Os seus tres primeiros quilómetros son de "ascenso total", segundo os clubs organizadores, mentres que a partir do cuarto e tras un pequeno tramo chairo comeza un "descenso técnico" ata a liña de meta.
Ademais, a dificultade do circuíto será maior, sinalaron, porque tras as choivas dos últimos días as zonas máis próximas ao río "hai moitas raíces e está todo máis complicado".
A saída da proba será ás 16.30 horas.
MINIBTT EN CAMPELO
Pola súa banda, a praia de Lourido acollerá o domingo 19 de xuño, a partir das dez e media da mañá, a segunda edición do Mini BTT de Campelo na súa especialidade cross county olímpico (XCO).
Nel, espérase a participación duns 300 corredores procedentes de equipos de toda a xeografía galega, entre elas algunhas das mellores escolas de ciclismo de Galicia, segundo destacou o presidente da federación.