O campionato galego de waterpolo alevín mixto, ao aire libre nas piscinas do Mercantil
Por Alejandro Espiño
Sete equipos participarán este sábado 18 de xuño no Campionato Galego de waterpolo alevín mixto de verán que organiza o Club Waterpolo Pontevedra. A proba terá lugar nas piscinas do Mercantil en Mourente, sendo a primeira vez que se organiza ao aire libre.
Os clubs inscritos son o Marina Ferrol, o RCN Vigo, o CW Santiago, o CN Coruña, o AC Waterpolo e o CW Pontevedra, que participará con dous equipos.
Os encontros eliminatorios comezarán ás 11.30 horas para rematar ás 19.00 horas coa celebración da gran final entre os dous mellores conxuntos da competición.
A entrega de medallas será contra as 20.00 horas.
Para os partidos, só se ocupará media piscina xa que ao ser un campionato de categoría alevín as medidas do campo son máis pequenas. A outra metade das instalacións estarán abertas aos socios do Mercantil.
A entrada para asistir a este campionato galego é de balde.
WATERPOLO NA RÚA
Paralelamente, o Club Waterpolo Pontevedra continúa coa súa campaña de captación de socios. Este venres, de 17.00 a 20.00 horas, fará distintas actividades na praza de Ourense co obxectivo de dar a coñecer este deporte entre a cidadanía. Alí, os pontevedreses poderán participar en diversas probas e xogos cos que entrar en contacto con esta disciplina deportiva.
Relacionadas:
-
O equipo alevín mixto do Club Waterpolo Pontevedra, campión galego de verán
Por Redacción |
-
Waterpolo na Peregrina, proposta do CW Pontevedra para captar socios
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Medalla de bronce para o CW Pontevedra no Campionato Galego Infantil de waterpolo
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra, campión da Copa Galega
Por Redacción |