Medalla de bronce para o CW Pontevedra no Campionato Galego Infantil de waterpolo
Por Redacción
Un gran terceiro posto logrou o Club Waterpolo Pontevedra no Campionato Galego Infantil de waterpolo celebrado este domingo no Centro Deportivo Gómez Noya de Ferrol, grazas ao cal se colgou a medalla de bronce.
Un cúmulo de circunstancias fixo que os pontevedreses disputasen o campionato con só nove xogadores, dos cales tres eran porteiros, polo que estes últimos tiveron que participar como xogadores de campo para axudar aos seus compañeiros suplindo as numerosas baixas.
Pola mañá o CW Pontevedra medíase ao debutante CW Pabellón Ourense, superando a eliminatoria de cuartos de final sen problemas e dosificando esforzos para a complicada semifinal.
No segundo partido da mañá o CW Pontevedra cruzábase co CN Coruña en semifinais. Un bo inicio dos pontevedreses dáballes vantaxe de 0-3 a principios do segundo parcial, pero algunhas precipitacións en ataque e erros defensivos permitían aos coruñeses recortar distancias, chegando ao ecuador do partido cun 3-5 a favor dos do Lérez.
Pero a falta de cambios e acumulación de erros permitiu aos coruñeses dar a volta ao partido nun nefasto cuarto período cun parcial de 4-1. A vantaxe dos herculinos chegou a ser insalvable e acabaron levándose o partido cun 11-7 final de deixaba aos pontevedreses fóra da final.
Pola tarde, na loita pola medalla de bronce, o CW Pontevedra enfrontouse ao organizador do campionato, o Marina Ferrol. Os pontevedreses fixeron un bo partido cun bo traballo defensivo, encaixando só dous goles. O gran esforzo dos xogadores fixo que se colgaran a medalla de bronce cunha vitoria por 2-15.
Polo CW Pontevedra xogaron este campionato Víctor, Uxía, Alex, José A., Lucas, Luís, José E., Irene e Jonás.