A Copa Galega, última competición da tempada para o equipo absoluto do Waterpolo Pontevedra
Por Redacción
É a última competición da tempada e ademais será televisada pola segunda canle da TVG (segunda semifinal e final) e tamén a través de internet, ingredientes que motivan ao Waterpolo Pontevedra na Copa Galega Absoluta Masculina.
A piscina ourensá Rosario Dueñas será a sede da competición que clausura a campaña na categoría absoluta masculina e que contará coa presenza de 5 equipos.
O club pontevedrés desprázase a Ourense coa intención de reconquistar un título que xa conseguiron en 2011 e 2013.
O sorteo do cadro, que estará comprimido en horario de tarde, emparellou ao Waterpolo Pontevedra e RCN de Vigo no único choque de cuartos de final, previsto para as 16:00 horas.
As semifinais arrincarán ás 17:15 horas cun partido entre Pabellón Ourense e CN Coruña, mentres que os pontevedreses enfrontaríanse ao CW Santiago ás 18:30 horas se logran liquidar o seu primeiro encontro da competición.
A final pola súa banda está fixada para as 20:00 horas.