Gran partido do Teucro a pesar da súa derrota (34-32) en Torrelavega
Por Redacción
Vendeu cara a súa derrota o Teucro (34-32) que realizou un gran partido na sempre complicada pista do Torrelavega. Os pontevedreses rozaron a posibilidade de puntuar e mesmo levaron a iniciativa durante case toda a primeira parte, pero remataron inclinándose, non sen loitar ata o final, ante un equipo local que contou coa permisividade arbitral en momentos claves do partido.
Comezou con forza o Teucro marchando no marcador cunha renda de tres goles (0-3 e 1-4) que non obstante deixou escapar en apenas catro minutos, permitindo ao Torrelavega devolver o parcial de saída e empatar (4-4), o que obriga a Javier Barrios a pedir un primeiro tempo morto, no minuto 8 de partido. O parón propicia un novo estirón teucrista para volver escaparse con 3 goles de vantaxe.
Non se rende o equipo cántabro, que facendo a goma volve nivelar a contenda, esta vez a 8 goles, no minuto 17. O Teucro segue levando a iniciativa, pero cada gol seu é respondido case de inmediato polos locais, que teñen en Barbón á súa mellor arma ofensiva (autor de seis dos primeiros nove goles do seu equipo).
Os últimos 10 minutos do primeiro tempo son un suplicio para o Teucro. Os azuis atáscanse en ataque, o que permite ao Torrelavega, cun parcial favorable de 6-1 e un Barbón ao que non logra frear a defensa pontevedresa, poñerse por primeira vez con vantaxe e mesmo a ir incrementando ata unha máxima renda de 4 goles (15-11). Tocaba erguerse e fixérono os homes de Javier Barrios, que volven meterse no partido con dous goles nun minuto e irse ao descanso coas opcións intactas.
Aperta o Torrelavega na reanudación e recupera a máxima renda de 4 goles, pero non se rende o Teucro que reduce ata se colocar a un só tanto por debaixo. Os ataques impóñense claramente ás defensas. Os pontevedreses aproveitan a superioridade provocada por unha exclusión de Abel Lamadrid para empatar o partido.
Dende a bancada e tamén dende o banco local prémese á parella arbitral e dálles resultado. Os cántabros recorren á dureza e o que non se consente nunha parte permítese na outra. A exclusión de Tomás Moreira e unha falta en ataque inexistente permite ao Torrelavega tomar novamente vantaxe de tres goles. Había que parar a sangría e fíxoo Javier Barrios cun oportuno tempo morto.
Nada máis renaudarse o partido o Teucro vólvese poñer a un, pero as defensas seguen sendo superadas polos ataques e o Torrelavega no intercambio de golpes e goles leva a mellor parte. Volve a máxima diferenza de 4 para os cántabros a falta de pouco máis de 7 minutos, o que obriga o adestrador teucrista a esgotar os seus tempos mortos esta vez sen resultado positivo. Os locais, a pesar da dobre mista ordenada por Javier Barrios nos últimos cinco minutos, souberon ir administrando a renda e, aínda que con apuros finais, xa non permitiron máis sorpresas ata rematar sumando a súa sexta vitoria consecutiva, afastando os pontevedreses das posicións de play-off.
B.M. TORRELAVEGA (34): Jorge Pérez e Cristian Pereda (p.s.); Borragans, ÿscar Arroyo, Genio González (2), Guillermo Barbón (12), Abel Lamadrid (2), Borja Lombilla (1), Alberto Pérez (2), Joaquín Marcos (6), Jadim Sour, José Manuel Calderón (1), Ángel Fernández (8) e Sergio Crespo.
S.D. TEUCRO (32): Juan Bar e Tomás Dobarro (p.s.); Aarón Vidal, Toño Fernández (4), Alejandro Pombo (5), David Chapela, Miguel Porto, Tomás Moreira (2), José Manuel Rial (4), Didac Villar (7), Carlos García (2), Borja Pedreira (6), Siscu (2) e Sío.
Árbitros: Amaia Barrena Maguregui e Mónica García Martínez (Colexio Vasco). Excluíron por dous minutos a Guillermo Barbón, Abel Lamadrid (2), Jadim Sour, Alberto Pérez (2), Miguel Porto, Borja Pedreira e Tomás Moreira.
Marcador (cada cinco minutos): 0-3, 5-6, 6-8, 9-10, 13-11, 16-14 (descanso), 20-17, 22-20, 24-24, 28-26, 32-28 e 34-32 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal Vicente Trueba (Torrelavega). Uns 400 espectadores.