Unha mala saída deixa a Diego Romero sen praza olímpica
Por Redacción
Protagonizou unha notable remontanda, pero non foi suficiente. Diego Romero di definitivamente adeus aos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro tras finalizar cuarto a final do preolímpico.
En Duisburg (Alemaña), o padexeiro vilagarcián do Breogán do Grove partía con opcións de clasificación no C-1 1.000 metros, pero unha mala saída lastrou as súas posibilidades.
Romero remontou desde a última praza que ocupaba nos primeiros metros ata a cuarta posición, cun tempo de 4:06.716.
Con todo quedou lonxe dos dous primeiros postos, que outorgaban pasaporte olímpico e que ocuparon o romanés Leonid Carp (3:58.288) e o italiano Carlo Tacchini (3:59.490).
O deportista galego competía pola rúa 7, tras ser terceiro na súa semifinal, nunha posición máis exposta ás ondas que a dos seus principais rivais.