Medina roza o triunfo na homenaxe a Evaristo Portela
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Nun día especial para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz pola homenaxe ao seu director, Evaristo Portela, o xefe de filas do equipo na Copa de España, Francisco Medina, estivo a piques de brindarlle un triunfo de prestixio.
O ciclista do equipo pontevedrés, que regresaba á competición tras a súa lesión, formou parte da escapada boa do día no Gran Premio Macario, cita que terminou decidíndose nun pequeno sprint entre doce corredores.
A falta de seis quilómetros para meta, Medina escapouse deste grupo en solitario na busca da vitoria, pero foi neutralizado a falta dun quilómetro. O esforzo fixo ademais que non puidese disputar o sprint, sendo sétimo con Jon Irisarri (Caja Rural) como gañador.
Á conclusión da carreira, última cita da tempada na Copa de España Elite e Sub-23, o presidente da Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, entregou unha placa a Evaristo Portela pola súa traxectoria de 28 anos á fronte do Froiz, un acto que o directo agradeceu "porque vén da xente do ciclismo", sinalou.