Xunta e Deputación proporán a David Cal para o premio Príncipe de Asturias
Por Oskar Viéitez
A Xunta e a Deputación de Pontevedra quere que David Cal sexa o próximo premio príncipe de Asturias, polo que proporán ao padaxeiro para a que será a súa trixésimo terceira edición.
Os Premios Príncipe de Asturias son oito: Artes, Letras, Ciencias Sociais, Comunicación e Humanidades, Investigación Científica e Técnica, Cooperación Internacional, Concordia e Deportes.
O prazo de presentación de candidaturas finalizará o día 14 de marzo de 2013, e prorrógase ata o 18 de xullo para o Premio da Concordia.
Cada un dos oito Premios Príncipe de Asturias está dotado cunha escultura de Joan Miró -símbolo distintivo do galardón-, a cantidade en metálico de 50.000 euros, un diploma e unha insignia co escudo da Fundación.
Segundo o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a proposta ainda ten que ser ratificada polo pleno da corporación.
"A extraordinaria traxectoria de David Cal, e que xa foi recoñecida co Premio Nacional do Deporte Don Felipe de Borbón ou coa Medalla de Ouro da Real Orden do Mérito Deportivo, entre outras distincións, entendemos que é meritoria deste galardón", apuntou pola súa banda o Director Xeral para o Deporte, Lete Lasa, quen referiu, ademais, que neste proceso de preparación da candidatura se están a solicitar os apoios do Comité Olímpico Español, o Consello Superior de Deportes ou as Federacións Galega e Española de Piragüismo, entre outros organismos e institucións.
David Cal e o seu adestrador Suso Morlán son noticia estes días pola posibilidade aberta de que se trasladen a Brasil ante o escaso apoio federativo, algo que lamentou Louzán que recordou que a Deputación patrocina económicamente ao medallista olímpico.