O Unión Grove sela a permanencia, o Sanxenxo achégase e o Céltiga acariña o ascenso
Por Redacción
O Grupo Sur de Preferente ponse a lume vivo cando restan só dúas xornadas para a súa conclusión.
O Céltiga acariña o ascenso despois de gañar fóra de casa ao Mondariz (0-4) nun partido que encarrilou en cinco vibrantes minutos antes do descanso, nos que anotou tres goles. Os da Illa, segundos, manteñen tres puntos de vantaxe sobre o Porriño Industrial e contan ademais con nove goles de diferenza no average xeneral, que decidiría en caso de empate entre ambos.
Respira tranquilo pola súa banda o Unión Grove, que confirmou o seu brillante final de tempada selando a permanencia cunha goleada ao Alertanavia (4-0) no Monte da Vila. Pablo González abriu a lata antes do descanso e o seu equipo sentenciou nos primeiros minutos do segundo acto.
Tamén se achega ao obxectivo o Xunventú Sanxenxo, que venceu ao domicilio ao Atios cun valioso e solitario gol de Diego Lorenzo (0-1) e queda a só un punto da permanencia matemática.
Axudou a iso a vitoria do xa ascendido Villalonga en Lalín (0-1), un equipo que pelexa por escapar do descenso. Valeu o gol de Diego Blanco aos 55 minutos de partido.
O que se complica, e moito ante a amenza do arrastre a Primeira Rexional e o descenso directo, é o Portonovo tras perder na casa ante o Porriño Industrial (0-3) nun polémico encontro. Adiantáronse os visitantes, pero non sentenciaron o choque ata a segunda metade, cando os arlequinados xogaban xa con nove xogadores polas expulsións de Nacho e Alberto Rey. O Portonovo queda agora con 44 puntos, a tres do descenso.
Relacionadas:
-
O Céltiga roza cos dedos o ascenso e Portonovo e Sanxenxo selan a permanencia
Por Redacción |
-
O Marcón cae na casa (0-1) contra o Arenteiro e complícase aínda máis a permanencia
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O Céltiga achégase ao ascenso, o Portonovo respira e o Unión Grove roza a permanencia
Por Redacción |