Un Torrelavega en forma, próximo reto do Teucro en liga
Por Diego Espiño
A Sociedad deportiva Teucro busca confirmar o seu bo momento de forma no Pabellón Municipal Vicente Trueba (Sábado, 18:30 horas) ante un Balonmano Torrelavega que se converteu co paso das xornadas nun rival directo dos pontevedreses.
Difícil compromiso para os de Javier Barrios ante un rival que está só dous puntos por enriba dos teucristas na clasificación pero que gañou os seus últimos cinco partidos de liga ante Pozoblanco, Barakaldo, Adelma Sinfín, Ereintza e Bidasoa, este último o pasado fin de semana na volta da competición na División de Honra Prata.
O Teucro viaxa o mesmo día do partido coa intención de lograr a súa segunda vitoria a domicilio do curso e consolidarse nas prazas de play-off alcanzadas despois do brillante triunfo ante a Barcelona B, pero o Torrelavega non o poñerá doado. O equipo cántabro, que incorporou ás súas filas hai uns días ao pivote Jadim Sour procedente do Ademar de León, ten moi presente no seu recordo o sucedido na segunda xornada ligueira en Pontevedra (26-25), onde caeron nun polémico partido cun tanto de Siscu no último segundo.
O encontro será arbitrado por Amaia Barrena e Mónica García.