Catro atletas da Gimnástica acoden ao Campionato de España Promesa en Pista Cuberta
Por Redacción
San Sebastián acolle este fin de semana o Campionato de España Promesa de Pista Cuberta, antesala do absoluto e ao que acoden catro atletas da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, despois de lograr a marca mínima.
O club lerezano aspira a conseguir tres medallas mellorando o resultado logrado en 2012, con dous metais, aínda que os atletas que o conseguiron ascenderon de categoría.
David Alejandro competirá nos 60 metros lisos, onde ten a cuarta mellor marca dos participantes con 6.81, Gustavo Avilés farao en 400 metros co décimo mellor rexistro, Javier Rodríguez en 200 metros chegando como terceiro do ránking e por último José Ángel Gómez, despois do quinto posto de 2012, acode a San Sebastián para participar no triplo salto, onde ten posibilidades de loitar polo bronce.
Campionato Galego xuvenil e júnior na Coruña
O Pazo de Deportes de Riazor, na Coruña, será o escenario o próximo sábado do Campionato de Galicia en Pista Cuberta nas categorías xuvenil e júnior. Un total de 10 atletas da Gimnástica desprazaranse á cidade herculina en busca da marca mínima que lles permita clasificarse para os nacionais da categoría.