O Villalonga achégase ao ascenso e Sanxenxo e Portonovo empatan no derbi
Por Redacción
Doce puntos ten xa de vantaxe o Villalonga con respecto ao terceiro clasificado cando só restan 21 en xogo. Os celestes derrotaron en San Pedro ao Gondomar (2-0), que ocupaba a segunda praza, e achéganse ao ascenso a Terceira División.
Os goles de Diego Blanco na primeira metade e Javi Pazos xa no tramo final tombaron ao que chegaba como o seu principal perseguidor.
Do tropezo do Gondomar aproveitouse o Céltiga para asaltar a zona de ascenso e colocarse de novo segundo, grazas ao seu triunfo no campo do Monterrey (0-1) cun solitario tanto de Ramón aos 10 mintuos.
Noutro dos partidos importantes na xornada de Preferente Xuventú Sanxenxo e Portonovo repartiron os puntos nun igualado partido (1-1).
Adiantáronse os amarelos cun gol de Currás aos seis minutos, pero o cadro arlequinado empatou no 72 cun gol de Daniel. Con este resultado o Sanxenxo queda no noveno posto con 42 puntos mentres o Portonovo é décimo cuarto con 39.
Completou a xornada o Unión Grove cunha derrota en Salceda de Caselas (2-0) ante un rival directo pola permanencia que lle deixa na décimo quinta praza con 38 puntos.