Esmoriz, unha experiencia internacional para o equipo infantil do Voleibol Pontevedra
Por Redacción
Foron cinco días repletos de voleibol con nove partidos que supoñen unha gran experiencia no proceso de formación das xogadoras.
O equipo infantil feminino do Club Voleibol Pontevedra participou durante a Semana Santa no Torneo Internacional de Esmoriz en Portugal, onde concluíu na quinta posición.
É o quinto ano que o CVP participa neste torneo. Nesta ocasión na primeira fase perderon un único partido, ante Boavista FC, quedando na segunda praza do seu grupo e pasando á loita polo título.
Na segunda fase pola súa banda só conseguiron unha vitoria ante xogadoras que as superaban en altura e nalgúns casos tamén en idade.
Xa en casa, o obxectivo agora do equipo pontevedrés céntrase en conseguir o ascenso á Liga Galega.